Visita do Apalpador – Nadal de 2023

Visita do Apalpador – Nadal de 2023

Hoxe, 14 de decembro, o alumnado do Colexio Jorge Juan tivo o pracer de recibir a visita dun personaxe moi especial: o Apalpador. Vestido coas súa roupa de carboeiro e a súa emblemática barba, o Apalpador non só trouxo a maxia do Nadal, senón tamén unha mensaxe sobre o coidado do medio ambiente e a importancia de consumir produtos galegos saudables.

Involucrou a todos os presentes (E. Infantil e Primeiro de Primaria) nunha experiencia única na que cantamos, xogamos, bailamos e sobre todo rimos.

Contando historias animou aos nenos a coidar dos bosques e das árbores, subliñando a importancia de preservar o medio ambiente. Pero tivo tempo tamén para poñer en valor o consumo dos produtos galegos, coma as castañas, o leite dos nosos gandeiros au ocaldo galego, destacando como estes alimentos contribúen a unha alimentación saudable.

Agradecemos ao Concello de Fene que facilitou a súa visita, e ao Apalpador por traer alegría e ensinanzas tan valiosas ao Colexio Jorge Juan.

Quen é o Apalpador?

Entre moita máis información na Galipedia podemos atopar esta explicación:


O Apalpador, Apalpabarrigas ou Pandigueiro é a figura mítica dun xigante carboeiro, ligado á tradición do Nadal do que existen testemuñas nas comarcas de Sarria, Quiroga, Lemos, Terra de Trives e os Ancares, aínda que se está a recuperar en toda Galicia. O Apalpador baixa a noite do 24 ou 31 de decembro segundo a zona, para visitar os nenos, tocándolles no ventre para ver se comeron abondo durante o ano, deixándolles unha presada de castañas, eventualmente algún regalo e desexándolles que teñan un ano novo cheo de felicidade e fartura, murmurándolles “así esteas todo o ano”.

Galería de imaxes