Historia do colexio

O colexio Jorge Juan de Fene, deseñado polo arquitecto Rodolfo Ucha, nace da man de catro socios, todos eles naturais de Fene e traballadores dos estaleiros de Astano, no ano 1967, con carácter privado, para ofrecer ao contorno da vila un apoio educativo necesario e inexistente nese momento. Tras un ano de construción, abre as súas portas no curso 1968-1969, cubrindo a etapa de E.G.B. e Bacharelato e cun persoal de doce persoas. O seu irmán xemelgo, Jorge Juan de Xuvia, abre á vez as portas, desligándose dezanove anos máis tarde.

Os primeiros anos son de crecemento, de apoio e consolidación. En 1985 coa implementación da LODE convértese en centro concertado, pasando a depender economicamente da Xunta de Galicia. En 1987 transfórmase nunha cooperativa de ensino, isto é, o profesorado adquire o centro, converténdose en socios e socias cooperativistas do colexio e imprimíndolle o carácter cooperativo e de alta implicación que ata agora atesoura. Pouco a pouco as instalacións aumentan cuantitativa e cualitativamente: salón de actos, biblioteca, horto, pavillón, aula tecnolóxica… Nese momento o centro conta cun persoal de vinte profesionais.

No ano 1998 impleméntase o 2º ciclo da ESO coa conseguinte ampliación de profesorado e renovación das aulas e do equipamento educativo.

No ano 1999 incorpórase a escola infantil 0-3 anos, outorgando ao contorno unha oferta completa desde os primeiros anos de vida das nenas e dos nenos da vila.

Durante os anos posteriores, aumenta a inversión en TICs en todos os niveis, engadindo progresivamente pantallas dixitais aos recursos de aula, e comeza un forte impulso na aprendizaxe da lingua inglesa.

En 2014 entra a formar parte dos centros examinadores do Cambridge English Language Assessment e en 2016 faise a primeira inmersión lingüística de alumnado da ESO nun centro escolar en Kent (Reino Unido).

No ano 2017 o centro inicia a conversión en centro plurilingüe da Consellería de Educación. Nese mesmo ano, convértese no único colexio da comarca participante na terapia R.E.A.D. de Cans e Letras.

No 2018 acóllese ao Plambe de Bibliotecas Escolares Galegas, impulsando a biblioteca como espazo de convivencia e abríndoa ás familias. Tamén nese ano incorpora no horario lectivo clases impartidas por nativos de fala inglesa.

En 2020 incorpora un desfibrilador de uso comunitario rexistrado na Consellería de Sanidade da Comunidade Autónoma de Galicia, así como una radio escolar Conexión Tarrio vinculada á biblioteca escolar.

As causas solidarias forman un eixo fundamental nas experiencias do centro, que organiza Mercados Solidarios con produtos doados polas familias e participa activamente en actividades de axuda, cooperación e concienciación das necesidades sociais do contorno, así como en proxectos de voluntariado vinculados aos programas da Xunta de Galicia

A preocupación polo desgaste da natureza o do medio ambiente capitanea múltiples proxectos e accións en todos os cursos. Saídas polo contorno, Proxecto 0% Plástico, limpeza de praias… conciencian á comunidade educativa da necesidade de coidar e respectar o planeta.

Na actualidade posicionámonos á cabeza da oferta educativa do concello de Fene co ciclo completo de Educación Infantil, cunha dobre liña en Infantil, Primaria e Eso; máis de 50 profesionais altamente cualificados e en constante formación; e unha ampla oferta de actividades complementarias, extraescolares e de apoio.

Son moitos anos de percorrido, de cambios, de distintas leis educativas, de axustes, de adaptación… para rematar no punto no que nos encontramos, isto é, ao teu carón.

Esta web utiliza cookies. Podes ver aquí a Política de Cookies. Se continuas navegando estás aceptándoa.    Ver
Privacidad