Teño Talento 2026: a final que encheu de arte o colexio!

Teño Talento 2026: a final que encheu de arte o colexio!

Hoxe, 15 de xuño, celebramos a gran final do concurso Teño Talento, unha das citas máis esperadas do calendario escolar do Colexio Jorge Juan de Perlío. O ximnasio converteuse nun auténtico escenario no que o noso alumnado de Primaria demostrou que o talento non ten idade nin límites.

Durante as semanas previas, moitos alumnos e alumnas animáronse a participar nos castings, e os mellores pasaron á final de hoxe. Sobre o escenario desfilaron cantantes, bailaríns, músicos e humoristas, ofrecendo ao público —todo o alumnado de Primaria— un espectáculo variado, divertido e cheo de sorpresas.

As actuacións foron moi diversas: grupos de baile que puxeron a bailar ao público, cancións interpretadas con moita emoción, un número de piano que nos deixou sen palabras, humor que arrancou as mellores gargalladas, e ata actuacións de alumnado de primeiro de Primaria e da ESO que participaron como estrelas convidadas fóra de concurso. O xurado tívoo moi difícil para decidir os gañadores… pero ao final houbo que elixir.

Os premios foron para:

1º posto: Asley (6º de Primaria), coa súa emocionante interpretación vocal. 2º posto: Martina, Leyre e Abril (3º e 4º de Primaria), que sorprenderon co seu baile. 3º posto: Candela (6º de Primaria), pola súa actuación musical. Premio especial: Delia e Alicia (1º de Primaria), pola súa valentía e arte sobre o escenario.

Pero máis aló dos premios, o verdadeiro triunfo foi de todos e todas as que se subiron ao escenario. Preparar unha actuación, ensaiala, e atreverse a interpretala diante de centos de compañeiros require valor, constancia e moito traballo. Esas son as calidades que máis nos enorgullecen.

Desde aquí queremos darlle un aplauso enorme a todo o alumnado participante, e tamén ao profesorado que fixo posible esta actividade: organizar un evento así require moito esforzo, ilusión e dedicación entre bastidores.

Parabéns a todos e todas! Ata a próxima edición de Teño Talento!

Galería de imaxes