Letras Galegas 2025

O venres 16 de maio, no Colexio Jorge Juan de Perlío celebramos con entusiasmo o Día das Letras Galegas, unha data moi especial na nosa comunidade educativa. Esta conmemoración, instituída pola Real Academia Galega en 1963, serve para homenaxear a aquelas figuras que contribuíron de xeito destacado á lingua e á cultura galega.
Este ano adicouse á poesía popular oral, representada por Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos, e as Pandeireteiras de Mens (Malpica), entre outras figuras da tradición galega. Esta homenaxe celebra a importancia da música e da transmisión oral na nosa cultura.
A celebración comezou cunha actividade na que o alumnado de Primaria percorreu os corredores do colexio cantando adaptacións de cancións tradicionais. Este momento de festa deu paso á Feira Cultural, na que cada curso preparou un posto con actividades como a creación de alfombras florais, obradoiros artísticos e xogos.
O alumnado tamén contou cun pasaporte cultural, que selaban ao visitar os distintos postos. Aqueles que lograron reunir un determinado número de selos foron recoñecidos cun diploma, valorando a súa participación e interese pola nosa cultura.
Os estudantes de 3º de ESO organizaron un mercado de comida e plantas, promovendo a colaboración entre niveis. A xornada rematou cunha foliada, á que foron convidadas as familias para gozar xuntos da música e o baile popular.
Ao longo do día, non só festexamos as nosas letras, senón que tamén reafirmamos o noso compromiso coas nosas raíces e a importancia de preservar e difundir a nosa lingua. Neste senso, unha alumna leu un manifesto en representación de todos os nosos estudantes, que expoñía o espírito desta conmemoración:
Letras Galegas 2025
Mañá 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas e si… hai moito que celebrar: que vivimos nun marabilloso lugar, que temos unha lingua e unha identidade propias e que as nosas LETRAS enchen a vida de palabras que nos fan rir, chorar, recordar e agradecer.
Agradecer ás nosas cantareiras porque as súas voces fixeron voar as nosas letras e por iso este día vai adicado a elas, ao seu labor.
Recordade, temos unha lingua e unha literatura fermosísimas. Falade e gozade delas.
Feliz Día das Letras Galegas e mil primaveras máis…
Con actividades coma estas, o Colexio Jorge Juan de Perlío segue optando por unha educación integral, na que se fomenta a identidade cultural, o traballo en equipo e a participación activa de toda a comunidade educativa.