Entroido de arte e ilusión no Colexio Jorge Juan

Entroido de arte e ilusión no Colexio Jorge Juan

O Entroido é, sen dúbida, unha das celebracións máis agardadas do curso, e este ano volveu encher o noso colexio de cor, creatividade e moita alegría. Durante toda a semana, o alumnado foi cumprindo con entusiasmo os tradicionais mandatos do Meco, preparando así o ambiente para a gran festa final.

Hoxe, 13 de febreiro, celebramos o noso desfile de disfraces. A chuvia obrigounos a facer unha versión máis recollida da festa, pero iso non impediu que a ilusión fose a protagonista. Desprazámonos ata o escenario do Casino de Perlío, situado a poucos metros do centro, onde puidemos amosar todo o traballo realizado.

Cada curso luciu un disfraz común, e todo o alumnado —desde a Escola Infantil ata Educación Secundaria— participou con propostas relacionadas coas artes escénicas, temática do noso Proxecto de Centro deste ano. Sobre o escenario sucedéronse pequenas actuacións, bailes e representacións que fixeron gozar ao público, formado polas familias, que non quixeron perder a celebración a pesar da chuvia e dos seus compromisos.

Queremos expresar o noso agradecemento ao Casino de Perlío por cedernos o seu local e facilitar esta xornada; á ANPA do colexio, que tamén nos sorprendeu cunha divertida actuación disfrazadas; ao profesorado pola súa implicación e dedicación; ao alumnado polo seu entusiasmo e creatividade; e ás familias polo seu apoio constante e pola súa presenza.

Un ano máis, o Entroido demostrou que, cando traballamos xuntos, somos quen de converter calquera día gris nunha festa chea de luz, arte e convivencia.

Podedes ver as imaxes da xornada na conta de Instagram do colexio: https://www.instagram.com/cprjorgejuanperlio/

Galería de imaxes Secundaria e Anpa