Celebramos o Día das Letras Galegas

Un ano máis, o noso colexio vestiuse de festa para celebrar o Día das Letras Galegas, unha das datas máis importantes do noso calendario escolar. Esta celebración non é só unha homenaxe ao noso idioma, senón unha oportunidade para lembrar a todas aquelas persoas que, coa súa escritura e compromiso, mantiveron viva e forte a cultura de Galicia.
Este ano, a homenaxeada é a escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño. Cunha traxectoria firmemente ligada ao activismo cultural, social e feminista, Caamaño destacou especialmente na radio pública galega e a través de novelas como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. Nas súas obras, a autora doulle unha volta aos mitos clásicos para darlles voz e protagonismo ás mulleres, deixándonos un legado de igualdade, xustiza e amor pola nosa cultura que hoxe queremos transmitir ao noso alumnado.
O “Pasaporte Cultural”
Para conectar co espírito libre e de descubrimento de Begoña Caamaño, os nenos e nenas de Educación Primaria convertéronse en investigadores. Ao comezar a xornada, cada un deles recibiu un “Pasaporte Cultural” que debían ir selando en cada parada do camiño.
O reto non era sinxelo: o colexio encheuse de postos e obradoiros (desde obradoiros de papiroflexia ou caretas ata xogos tradicionais e talleres de pulseras). Ao superar o reto de cada posto, conseguían unha palabra secreta para o seu pasaporte. O obxectivo final? Unir o enxeño de todos os cursos para desvelar unha mensaxe oculta que resume á perfección o sentido deste día:
“A lingua é a chave que abre o noso mundo”
Cronograma da xornada
Celebrámolo na mañá do 15 de maio:
- 9:30 h – Teatro!
- 10:30 h – Abren o postos!
Cos postos listos o xogo do pasaporte cultural comezou a funcionar.
- 11:00 h – Tradición e monicreques:
O Salón de Actos encheuse de ilusión coa función de monicreques. Primeiro foi a quenda de Primaria e, a continuación, os pequenos de Infantil desfrutaron da súa propia sesión.
- 11:45 h – Descanso
- 12:20 h – Ritmo e rimas coas regueifas:
A música, a retranca e o enxeño fixeron cantar e gozar a toda Primaria e Infantil.
- 13:10 h – O final coas familias:
As portas do Salón de Actos abríronse para recibir ás nosas familias. Tras unha emotiva actuación musical, fomos ao patio cuberto, onde agardaba o cofre do tesouro.
Alí, cada clase buscou unha recompensa polo esforzo do día: unha chapa conmemorativa!
Grazas a todos —alumnado, profesorado e familias— por facer que a nosa lingua siga sendo, un ano máis, a chave que abre todas as nosas portas. Viva o Día das Letras Galegas!



