Celebracións polo fin de trimestre e Nadal

Celebracións polo fin de trimestre e Nadal

Na semana previa ás vacacións de Nadal, o noso colexio viviu uns días moi especiais cheos de actividades coas que despedimos o primeiro trimestre e demos a benvida a estas datas tan sinaladas. Alumnado, profesorado e familias compartimos momentos de convivencia, ilusión e aprendizaxe que quedarán no recordo de todos.

Entre as actividades realizadas, destacaron varias saídas e excursións. O alumnado de segundo de Secundaria visitou Sotavento, mentres que os cursos máis altos de Primaria, 5º e 6º, realizaron unha saída a Santiago de Compostela. Pola súa parte, o alumnado de 3º de Primaria visitou o Centro de Día para Maiores Xuntanza, centro que xa fora visitado uns días antes polo alumnado de Educación Infantil, e o de 4º de Primaria achegouse ao CAMF (Centro de Atención Integral para Persoas con Discapacidade). En ambos os casos, os nenos e nenas interpretaron unha canción de Nadal para desexar unhas felices festas aos usuarios e ao persoal destes centros, nunha experiencia moi enriquecedora tanto a nivel humano como educativo.

Tamén celebramos dous festivais moi agardados polas familias. O día 18 de decembro, pola mañá, tivo lugar o festival de Educación Infantil, baixo o título Hakuna Matata, inspirado na historia do Rei León. Ao día seguinte, 19 de decembro, foi a quenda do primeiro ciclo de Primaria, que nos fixo gozar cun festival titulado Eurovisión, no que se interpretaron algunhas das cancións máis representativas presentadas por España a este certame musical. En ambos casos, o público asistente gozou enormemente das actuacións de todo o alumnado.

Como broche final, recibimos a visita dos Reis Magos, que recolleron as cartas dos nenos e nenas e incluso lles fixeron entrega dun agasallo anticipado. Queremos agradecer de maneira especial á ANPA o seu traballo e colaboración, fundamentais para facer posible esta visita tan ilusionante. Sen dúbida, foi unha semana chea de emocións coa que despedimos o trimestre do mellor xeito posible.

Poderedes ver moitas máis fotografías se seguides a nosa conta en Instagram!

Felices Festas e prospero Ano!!