Celebración do Día da Paz na Jorge Juan

Celebración do Día da Paz na Jorge Juan

Video: Jorge Juan de PerlíoDía Escolar da Paz e a Non Violencia

O pasado 30 de xaneiro, o alumnado da Jorge Juan de Perlío celebrou o Día Escolar da Paz e a Non Violencia cun emotivo acto no que participou o alumnado de Educación Infantil, Primaria e da ESO.

Tras o recreo, reunímonos no salón de actos para compartir reflexións sobre a importancia da paz e da convivencia. A celebración contou cunha lectura de textos e cunha representación simbólica que vinculou o Día da Paz co Proxecto de Centro deste curso, centrado na Educación para a Saúde.

O “Botiquín para a Paz

Nesta dramatización, os estudantes convertéronse en “Sanitarios da Paz”, empregando obxectos dun “botiquín” para simbolizar remedios contra os problemas que impiden a convivencia pacífica. Do mesmo xeito que un “botiquín” común garda remedios para curar enfermidades, este “Botiquín para a Paz” contiña solucións para combater os “virus” que dificultan a paz:

APÓSITOS DO PERDÓN (Infantil) → Para curar a amizade e eliminar o virus do rancor.
XAROPE DAS BOAS PALABRAS (2º Primaria) → Para aprender a eloxiar e eliminar o virus dos insultos.
ESTETOSCOPIO DO RESPECTO (3º Primaria) → Para escoitar os sentimentos dos demais e eliminar o virus da intolerancia.
TESOIRAS DA NON VIOLENCIA (4º Primaria) → Para “cortar” coas pelexas e eliminar o virus da violencia.
TERMÓMETRO DO AUTOCONTROL (5º Primaria) → Para xestionar os enfados e eliminar o virus da rabia.
VITAMINAS DA SOLIDARIEDADE (6º Primaria) → Para fortalecer a xenerosidade e eliminar o virus do egoísmo.
VACINAS DO AMOR E O CARIÑO (6º Primaria) → Para protexer as relacións humanas e eliminar os virus do mal humor e do odio.

Durante a representación, un estudante rompía simbolicamente un destes “virus” e botábao na papeleira, mentres outro colocaba o remedio correspondente no “botiquín”.

Lectura de manifestos

O acto contou coa lectura, por parte do alumnado de Secundaria, do Manifesto do Día da Paz: “Contáxiame a túa paz”, destacando que a paz comeza en cada un de nós:

“Cada xesto amable, cada palabra compasiva, cada acción que busca o entendemento mutuo ten o poder de transformar a nosa realidade.”

O manifesto fixo un chamamento a todos para sermos axentes de paz, promovendo o respecto, a empatía e o diálogo, lembrando que:

“A paz non é un soño afastado. É unha realidade que podemos vivir cada día, se decidimos facela nosa.”

Peche musical da celebración

Para rematar o evento, todo o alumnado interpretou a canción “Contágiame tu paz”, enchendo o ambiente de mensaxes de esperanza e harmonía.

Con este acto, a Jorge Juan de Perlío reafirmou o seu compromiso coa educación en valores, lembrando que a paz é unha responsabilidade de todos e que, con pequenos xestos, podemos facer do mundo un lugar mellor.