Celebración do Día da Paz

O pasado venres, 30 de xaneiro, o Colexio Jorge Juan de Perlío conmemorou o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, unha data que coincide co aniversario do falecemento de Mahatma Gandhi e que nos lembra a importancia do diálogo, do respecto e da resolución pacífica dos conflitos. Trátase dunha xornada para educar en valores e para reforzar a idea de que a paz se constrúe cada día, entre todos e todas.
Este curso a actividade central foi “A Orquestra da Paz”, unha proposta simbólica na que o alumnado, a través da música e da palabra, representou que cada persoa é imprescindible para crear harmonía, do mesmo xeito que cada instrumento é necesario nunha orquestra. A lectura do manifesto, o conto, a interpretación musical e os xestos compartidos axudáronnos a reflexionar sobre a cooperación, o respecto ás diferenzas e o traballo en equipo.
Debido á chuvia, o acto trasladouse ao salón de actos e organizouse en dúas quendas: primeiro participaron Educación Infantil e o 1º ciclo de Primaria, que gravaron a canción da xornada, e despois o alumnado do 2º e 3º ciclo, que realizou a lectura do manifesto e a queima simbólica como compromiso de deixar atrás todo aquilo que nos afasta da paz.
Foi unha mañá chea de emocións e participación, na que toda a comunidade educativa —alumnado, profesorado e familias— sumou a súa voz para lembrar que, igual ca nunha orquestra, xuntos soamos mellor e xuntos facemos a paz.
Aquí tedes os videos da xornada:



