Así vivimos o Samaín e o Magosto no Colexio Jorge Juan

Hoxe, o Colexio Jorge Juan encheuse de sustos, risas e tradición coa celebración do Samaín. Esta festividade, de orixe celta, marca o cambio de estación e simboliza o momento no que a fronteira entre o mundo dos vivos e dos mortos se volve máis fina. En Galicia, o Samaín mantivo viva esta antiga tradición.


O colexio, decorado para a ocasión, converteuse nun espazo cheo de misterio e diversión. Contamos coa colaboración da ANPA, que volveu sorprender a todos co xa tradicional “Túnel do Medo”, unha experiencia terrorífica, pero emocionante.
Un dos momentos máis agardados da xornada foi o concurso de momias, que cada ano organiza o alumnado de quinto e sexto de Primaria. Por parellas e en grupos, os nenos e nenas envolvéronse uns a outros con papel hixiénico ata convertérense en autenticas momias, entre moitas risas e traballo en equipo.
Tamén tivemos ocasión de gozar dunha representación teatral con temática de Samaín, preparada polo alumnado de 4º da ESO e dirixida ao alumnado de Primaria. Os maiores demostraron o seu talento e o seu esforzo, e logrando manter ao público atento, entusiasmado e entretido.
Como parte da xornada festiva, celebrouse tamén un torneo de fútbol no pavillón, no que participou o alumnado de Secundaria.
Para completar o día, organizouse un magosto, no que todos puidemos gozar do sabor das castañas asadas, unha das tradicións máis queridas da nosa cultura.
Agradecemos á ANPA e a todo o profesorado a súa colaboración e esforzo, e ao alumnado a súa implicación e entusiasmo, que fixeron posible unha xornada tan especial.
Que todos tiverades un Samaín e Magosto cheos de alegría, tradición e boas lembranzas!






