A E.S.O. visita o Muncyt.
O pasado martes, 25 de novembro, levamos aos nosos alumnos de 2º e 3º ESO ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, MUNCYT, en A Coruña. O obxectivo foi dar a coñecer este magnífico museo que temos tan preto e aprender algo sobre a luz, aproveitando que o vindeiro ano, 2015, é o ano da luz.
Visitamos a Sala Maiúscula, con pezas tan espectaculares como a antiga lanterna da Torre de Hércules ou o primeiro ordenador que chegou a España.
Na sala Iberia vimos as pezas expostas do Boeing 747 – Lope de Vega: unha turbina, parte dun á, o morro (armazón, bodega, electrónica, cabina, clase business, tren de aterrizaxe…)…
Na sala Miscelánea vimos o Citroen 5 CV de 1922, un dos primeiros coches fabricados en serie. O seu arranque era a manivela.
Finalmente, fixemos un obradoiro e fabricamos un espectroscopio. Os alumnos traballaron por parellas nunha sala cunhas vistas espectaculares: víase da Torre de Hércules ao cabo Prioriño.
O espectroscopio é un aparello moi sinxelo: unha caixa cunha ranura, un CD e un tubo. A ranura deixa entrar un faz de luz e os sucos do CD descompoñen a luz. A luz descomposta se observa polo tubo, variando a súa inclinación ata acadar unha boa vista. Esta luz descomposta chámase espectro. Cada tipo de luz ten un espectro diferente. Analizando os espectros da luz que chega das estrelas podemos saber de qué están feitas!
Invitamos aos nosos alumnos a que nos manden fotos de espectros obtidas cos seus aparellos. Podedes probar coa luz do Sol, bombillas incandescentes, fluorescentes, luces de neón… Ollo: Non usar punteiros láser, poderiades quedar cegos. Enviádenolas ao enderezo ciencias.jorgejuan@gmail.com e colgaremos as mellores na nosa web.