Un día inesquecible na Granxa do Souto

O pasado mércores, 18 de xuño, o alumnado de primeiro ciclo de primaria (1º e 2º) da Jorge Juan puxo rumbo á súa excursión de fin de curso. Saímos dende o colexio en Fene ata Ortigueira, onde nos agardaba un destino moi especial: a Granxa do Souto.
Foi unha xornada chea de aprendizaxes, emocións e contacto directo coa natureza e os animais. Unha das experiencias máis agardadas foi o bautismo hípico. O alumnado tivo a oportunidade de montar os ponis Dani, Godello e outros compañeiros equinos, todos pertencentes á Pura Raza Galega, o que lles causou unha forte impresión. Antes de montar, recibimos unha explicación sobre os coidados dos cabalos, os utensilios necesarios para a monta e as características da raza. Para moitos, foi a primeira vez que montaban a cabalo, o que fixo que o momento fose aínda máis emocionante.
Pero a experiencia non rematou aí: puidemos lavar os cabalos coas nosas propias mans, unha actividade tan sorprendente e emocionante como a monta. Logo, seguimos a visita pola granxa, coñecendo e interactuando coas cabras, ovellas, galiñas, vacas, coa burra “Orejas”, e cun porco que nos deixou abraiados pola súa capacidade de seguir as indicación do monitores.
Un dos momentos máis tenros foi cando, en círculo, puidemos acariñar os coellos, que se achegaban a nós con tranquilidade e confianza, creando un ambiente cheo de calma e ilusión.
Tras o xantar, completamos o día cun paseo pola beira do río e unha actividade na aula da natureza, onde seguimos aprendendo e gozando do entorno natural.
Volvemos para a casa cansos pero moi contentos, coa mochila cargada de boas lembranzas e experiencias novas. Queremos expresar o noso agradecemento aos monitores da Granxa do Souto polo seu excelente traballo, pola atención, paciencia e agarimo con que nos acompañaron ao longo de todo o día.
Sen dúbida, unha excursión para lembrar.