Modelo Educativo

Confesionalidade

Este Centro defínese como aconfesional en tanto que se trata dun Centro privado concertado e como tal sostido con fondos públicos. Respectará pois, todas as crenzas e confesións do alumnado, profesorado, pais, nais e demais membros da comunidade educativa, acatando as normas que sobre este punto dictamine a Administración Educativa.

Coeducación

É importante educar o alumnado na igualdade de xénero.

Este valor e actitude vai implícito no Modelo Educativo e debe impregnar todas as actividades a realizar no centro (recreos, aulas,…), de xeito que isto trascenda a toda a comunidade educativa como obxectivo último. A finalidade última será, polo tanto, camiñar cara unha sociedade máis tolerante, aberta, libre e xusta. Neste sentido realizamos en colaboración cos servizos sociais do Concello de Fene un completo programa de obradoiros de coeducación adaptados aos diferentes niveis do centro.

Integración

Defendemos un modelo de ensino baseado na diversidade que asuma as diferenzas de opinión, costumes, relixión, características físicas e intelectuais, tentando dar resposta aos intereses e ás necesidades educativas de todos os alumnos e alumnas mediante unha acción educativa centrada no principio de integración e de individualización como algo natural e enriquecedor para toda a comunidade educativa.

Entendemos a integración das diferenzas individuais como un requisito imprescindible para vivir nunha sociedade plural e democrática, onde a igualdade de oportunidades sexa algo real. Neste sentido, o traballo na escola organizarase tentando dar resposta ás necesidades de todo o alumnado, de que cadaquén teña un lugar propio no seu grupo e sexa atendida individualmente, incluíndo tamén a aquelas persoas con necesidades educativas especiais.

Pluralismo e valores democráticos

A educación neste Centro desenvolverase nun marco de tolerancia e respecto á liberdade dos demais e ás súas conviccións, que asegure unha convivencia libre e pacífica, mantendo unha neutralidade ideolóxica perante toda a Comunidade Educativa.

Fomentarase nos nenos e nenas a asunción de valores dunha sociedade democrática, tales como: solidariedade, respecto aos demais, actitude de diálogo, educación para a paz, coidado do ambiente, e respeto dos dereitos humanos.

Liña metodolóxica

A liña metodolóxica do Centro non debe estar baseada nun só método ou estratexia, senón que deben ser múltiples e complementarios, xa que calquera situación de aprendizaxe está sometida a un gran número de variables.

Terase en conta a necesidade de planificar actividades que posibiliten a participación e a aprendizaxe do alumnado con n.e.e. en interrelación co resto da clase e mesmo dos procedentes doutros centros e/ou países, nos que o ritmo ou contidos de traballo non foran coincidentes cos do noso centro.

A continuación enuméranse unha serie de criterios que consideramos básicos para establecer as liñas metodolóxicas do noso Centro:

Os coñecementos previos serán o punto de partida de toda nova aprendizaxe.

Intentarase motivar ao alumnado perante cada nova aprendizaxe.

Sempre que sexa posible estará presente a multidisciplinariedade no tratamento dos contidos.

Dentro das posibilidades do Centro ou da materia, a observación directa, a investigación e a experimentación serán as bases de toda aprendizaxe.

Utilizaranse agrupamentos flexibles que posibiliten a socialización e, tamén, favorecerase o traballo individual e persoal de cada alumno e alumna que faciliten a socialización e a integración nas actividades do grupo do alumnado con necesidades especiais.

Favorecerase o espírito crítico e a capacidade de decisión e de discusión.

Potenciarase a coordinación entre os distintos ciclos, niveis e etapas do centro.

Buscarase en todo momento a relación do Centro co entorno, nos aspectos físicos, socio-culturais, etc., tentando sempre a plena integración do alumnado co medio.

Empregaranse axeitadamente os recursos dispoñibles, ben do propio Centro, ben os ofrecidos polo entorno.

Fomentarase o coloquio, a convivencia, o respecto polos outros/as, e favorecerase a realización de actividades integradoras e non discriminatorias baixo aspecto ningún.

Lingua de aprendizaxe

 A lingua oficial do centro é o galego, e como tal será lingua de aprendizaxe e vehicular. Sen embargo, e tendo en conta a atención á diversidade, contemplaranse programas de adaptación para aquelas nenas e nenos que presentan algún tipo de dificultade para iniciar a súa escolaridade en galego, procurando unha pronta integración no noso idioma.

Consideramos como docentes que debemos seguir insistindo na dignificación do idioma galego a todos os niveis: organizativo, administrativo, nas áreas curriculares e na vida cotiá. Neste sentido vén traballando o Equipo de Normalización Lingüística e así o seguirá facendo nos vindeiros cursos.

Saídas e actividades complementarias

O Colexio ten un plan de saídas culturais e excursións para reforzar e complementar os coñementos que van adquirindo os alumnos nas distintas etapas e areas. Estas saídas están pensadas e programadas dependendo da ideade dos alumnos e das materias que estudan no curso correspondente.

Novas tecnoloxías

O colexio aposta pola incorporarción das novas tecnoloxías coa intención de preparar os seus alumnos ao mundo laboral moderno e capacitalos para saber afrontar cos medios máis modernos as situación laborais e persoais da vida cotiá.